José Da Riva Varela

Un labrego por obriga con grandes inquedanzas

Un Labrego Por Obriga Con Grandes Inquedanzas



José Da Riva (Darriba no seu DNI) Varela foi un labrego singular para os tempos e as circunstancias nas que lle tocou vivir.
O destino quixo que nacera o 2 de xuño de 1916 na, entón, apartada aldea de Pena Rubia (ou Penarrubia) na parroquia de Orbazai do concello de Lugo. Tal vez o seu signo zodiacal, Xéminis, foi o que o fixo polifacético e enormemente curioso, a pesar da súa instrución primaria, como se pode ver nesta mostra, que quere ser unha homenaxe á súa singular figura.

Naquel tempo, a emigración ou o servizo militar eran os vieiros para viaxar e ver, pero a guerra civil de 1936 impediullo ao ser mobilizado polo chamado ‘bando nacional’, un acontecemento que o marcou de por vida, tanto física como psiquicamente.

De novo na casa, viviu as dificultades da posguerra facéndose labrego por obriga, ao non poder estudar para se dedicar a outra cousa. Nun dos seus poemas confesa os catro temas ou materias que lle gustaría coñecer e dominar: historia, ciencia, mecánica e electrónica.
Intentou como autodidacta entrar nestes campos tecnolóxicos e do coñecemento e, como un desexo póstumo, deixou escrito:
«Todo esto quedará como muestras para enseñar a los que tengan aficiones parecidas a las mías. Y conocer lo que son las cosas de esta vida.»

Biografía

O seu medio: As orixes das súas afeccións

A parroquia de Orbazai dista só 6 km do centro de Lugo, pero a distancia física non era o máis importante no seu tempo, senón outras máis difíciles, como as culturais e as tecnolóxicas, cando non era posible ser recoñecido en moitos círculos sociais sen ter estudos.
O illamento do medio rural ata a metade do século XX vai ser determinante para o desenvolvemento das súas afeccións.
Aínda así, José Da Riva, foi unha mente moi esperta e inqueda, que cultivou diversas afeccións, desde coleccionar minerais a inventariar as penas do monte, e desde recoller restos arqueolóxicos dos xacementos da súa contorna ata escribir, pintar e debuxar, ademais de ser un experto radioafeccionado.

A Vida Social

Un Home incomprendido: O «Dios» de penarrubia

Nos seus numerosos cadernos plasmou o seu sentir máis fondo, expresando a miúdo a sublime beleza da vida no campo e da natureza en estado puro, pero tamén o seu malestar porque as súas afeccións e os seus pensamentos non eran entendidos polos seus veciños, que o consideraban unha persoa excéntrica aínda que recoñecéndolle unha intelixencia fóra do común. De aí que fose alcumado na súa contorna, aínda hoxe, coma «o Dios de Penarrubia».

Escritos nos anos oitenta, ao final da súa vida, os seus cadernos son como diarios onde recolle os seus pensamentos e os acontecementos que o marcan. Escribía para ser lido algún día e que se lle recoñecese o seu sentir, conformado nos paseos polo monte de día e de noite,
as visitas semanais a Lugo (en especial ao Museo), as viaxes a outras cidades nas que tamén recollía pedras, e sempre cunha certa indignación por non sentirse comprendido nas súas loanzas á vida no campo e á ciencia, ou nas súas reflexións filosófico-morais.

Historia e Mitoloxía

Na Procura Dunha Explicación Do Mundo

A historia, e en concreto a arqueoloxía e a mitoloxía, foron algúns dos seus temas preferidos, e lía todo canto libro ou artigo relacionado con estas materias chegaba ás súas mans. Boa mostra disto é a gran cantidade de recortes de xornais e de boletíns científicos dos museos de Lugo, Pontevedra e doutras entidades. culturais que el conservaba.
Home de grande creatividade, interpretaba logo ao seu xeito os datos arqueolóxicos e as lendas. mitolóxicas, fundíndoas coa súa propia imaxinación e creando o seu propio mundo, que plasma tanto nos seus escritos reflexivos e poéticos como, tamén, nas súas pinturas e debuxos:

«A lúa guíame e o sol aluméame para poder camiñar nesta noite escura.
Cando a lúa me guía e o sol me acompaña
piso todos os camiños e non teño medo a ningunha cousa mala».

No Museo Provincial obra unha listaxe dunha vintena de pezas que doou, recollidas no castro de Penarrubia (Orbazai), no de Marcoi (Santa María Alta) e noutros lugares. Son fragmentos de cerámica, machados e aixolas de pedra pulida, algunhas de cuarzo, entre outros obxectos como unha interesante ara votiva galaico-romana, pero só son unha pequena mostra do moito que el foi coleccionando na súa vida.

A Expresión Artística: Pinturas e Debuxos

A Estética Da Inxenuidade

A aparente seriedade que demostraba de cara ao exterior non tiña nada que ver coa súa expresión pictórica, alegre e chea de cor, en plena comuñón coa natureza. Fundindo cores verdes, ocres, marróns, arrubiadas ou amarelas, a súa imaxinación voaba libre, con motivos da mitoloxía que extraía dos libros que lía e que recreaba enchéndoas de fantasía, moitas veces mesturada coa paisaxe que o arrodeaba.
Coñecía con exactitude a situación e o nome das penas dos montes de Orbazai e Adai, que representa nas
súas obras e cuxa posición relaciona coas estrelas do firmamento e coa mitoloxía asociada a estas, conformando así todo un universo astral que tanto o apaixonaba.
Por iso, as penas, as árbores, o sol, a lúa ou as estrelas son elementos moi presentes na súa obra (máis de 350 pinturas, debuxos e gravados), ás veces tomando un carácter antropomórfico, como querendo dotalos de vida humana, nun intento de sentir esa relación directa que, el ben o sabía, o home antigo tiña coa natureza e cos seus elementos.

Un Radioafeccionado Avantaxado

Dende Penarrubia para o Mundo

Como home rebuldeiro que era, José Darriba non deixou nunca de buscar medios de comunicar as súas inquedanzas ao mundo, e en decembro de 1964 deuse de alta como socio da ‘Unión de Radioaficionados de España’ (URE) para poder obter unha emisora de 5 categoría, a correspondente aos non profesionais.
Tras longos anos de correspondencia coa central madrileña para conseguir o permiso de emisión, decide emitir pola súa conta e risco en maio de 1967, pero ante a advertencia de que tal feito podía prexudicalo se chegaba a sabelo a autoridade político-administrativa, nese mesmo ano paga o canon correspondente para poder emitir en condicións
legais, situación que durará ata xullo de 1969, cando decide darse de baixa en sinal de protesta pola suba das cotas daquela URE.

A Mineraloxía

As Pedras como Elemento Sintetizador do seu Legado

Das moitas afeccións que tiña, a mineraloxía foi o xermolo inicial do que xurdiron outras. Investiu moitas horas en pisar palmo a palmo o monte de Penarrubia e os lindeiros como os de Santa María Alta ou Adai, e outros non tan próximos coma os de Guitiriz, moitas veces só e outras acompañado por algúns amigos coma os párrocos de Bóveda e de Báscuas. Froito destas saídas é unha espléndida colección de minerais que el tiña perfectamente ordenada e clasificada en caixiñas separadas nas que poñía o nome de cada pedra ou mineral.
O seu gran interese foi o uranio, «ese tesouro verde» como el lle chama, polas manchas verdosas que teñen as pedras que o conteñen. Durante a guerra civil fixo amizade cun alemán ao que lle escoitou falar do uranio e das súas posibilidades. na enerxía nuclear, tema co que ficou fascinado e o levou a buscar mostras de uranio nos montes da zona.

As Relacións Sociais

Na Procura de Información e Coñecemento

A vía que sempre lle permitiu avanzar en todas as súas afeccións e descubrimentos foi a súa valentía para relacionarse con xente de diferentes ámbitos, organismos oficiais ou entidades culturais, botando abaixo as barreiras do status social ou dos estudos, xa que nunca tivo reparo en petar en todas as portas que consideraba oportunas para conseguir os seus obxectivos.
Así, eran asiduas as súas visitas a un astrólogo que vivía en Lugo, a súa relación co Museo Provincial -onde traballaba o seu amigo, o pintor e factotum neste centro, Luís Gómez
Pacios- e co seu director, Manuel Vázquez Seijas, e subdirector, Xosé Trapero Pardo. Posteriormente trabou relación de amizade co historiador Adolfo de Abel Vilela e co escritor Lois Diéguez, cos que visitou as penas do monte de Penarrubia e arredores. Os seus contactos co arqueólogo Felipe Arias Vilas, entón no Museo de Lugo, levaron a que José posibilitara e mesmo colaborara na única campaña de escavacións arqueolóxicas (1975) no castro de Penarrubia, que era da súa propiedade e que se revelou como un dos máis antigos e interesantes desta etapa da protohistoria galega.

1990

Vestibulum vitae mattis turpis fusce aliquam eu aliquam

Non ut consequat hendrerit neque at

1992

Praesent et lectus eleifend feugiat placerat

Non ut consequat hendrerit neque at

1997

Suspendisse rutrum consequat imperdiet tellus sed

Non ut consequat hendrerit neque at

2000

Imperdiet egestas justo nunc, nunc sed consequat

Non ut consequat hendrerit neque at

2005

Viverra luctus in habitant arcu placerat consectetur

Non ut consequat hendrerit neque at

2012

Velit lacus porttitor urna vitae

Non ut consequat hendrerit neque at